sexta-feira, 1 de abril de 2011

Rosalía de Castro, unha estranxeira na súa patria

Presentación do libro


ROSALÍA DE CASTRO, UNHA ESTRANXEIRA NA SÚA PATRIA


con

Francisco Rodríguez Sánchez

XOVES 7 DE ABRIL

20.00 a 21.30 Horas

Casa Galega da Cultura  - Vigo

Praza da Princesa, n.º 2

Tan só pola extensión e calidade da súa obra merece un espazo propio no andel da literatura universal xunto a Harriet Beecher Stowe (A cabana do Tío Tom) ou Mary Shelley (Franskentein) ou Virgina Woolf (As ondas). Debemos considerar, ademais, o feito de que, de entre os movementos nacionalistas do Século XIX, ela é a única «poeta nacional». Correspóndelle por méritos propios unha cadeira á beira das grandes figuras da literatura occidental da altura; case a única muller entre eles.
Para observala, podemos optar por dous lentes posíbeis. O primeiro, con diferentes tons, móstranos unha nai, ou unha santa, ou unha matriarca, ou unha orfa, que canta e que chora, dando tombos, sen coherencia nin contradicións, como atordada, como o reflexo dunha persoa nun espello escachado. O segundo, en troca, insinúanos unha muller contraditoria e excepcional, condicionada polas súas circunstancias vitais, contra as que loitou e ás quizais acabou por vencer logo de morta.
Francisco Rodríguez optou desde hai moito tempo por este segundo lente para os seus traballos. Con bastante seguridade, podemos afirmar que estamos diante do ensaio máis completo sobre esta figura até o momento. Agardamos que este monumental volume de 700 páxinas sirva de revulsivo para afondar no coñecemento da nosa literatura porque Rosalía de Castro (1837-1885), «a primeira entre os primeiros», segue a ser unha descoñecida na súa terra.

Rodríguez Sánchez, Francisco. Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe). Asociación Socio-Pedagóxica Galega, 2011.

Sem comentários:

Enviar um comentário