Asociación Cultural O Castro
Sexta-feira, 23 de Março de 2012
Quarta-feira, 21 de Março de 2012
Imaxes de Pacheco: Contra a demoloción da memoria
| Manuel Xestoso da Asociación, Pablo Prado e Pilar Abades que traballaron no Arquivo Pacheco e Vítor Vaqueiro que foi director do arquivo durante o 2007-2011. |
O debate aberto sobre a situación do Arquivo Fotográfico Pacheco na Casa Galega da Cultura, foi un acto revelador que estimulou aos presentes ao coñecemento da historia de Vigo e da memoria da Galiza. Sempre truncada por motivos burocráticos ou políticos, e pintada hipocritamente por intereses maléficos duns poucos que dominan sobre un pobo cada vez máis consciente da súa realidade e indignado pola manipulación que sofre día a día.
Os arriba fotografados; Vítor Vaqueiro, Pilar Abades e Pablo Prado explicaron toda a verdade do caso Pacheco. Expoñendo a situación real dun arquivo que é unha xoia cun valor histórico e sentimental para a cidade. É un legado de todos os vigueses e debe ser defendido, e reivindicar o lugar que lle pertence.
Segunda-feira, 12 de Março de 2012
Pacheco: contra a demolición da memoria
![]() |
| Oliveira da cidade de Vigo - Arquivo Pacheco |
Debate aberto sobre a situación do Arquivo Pacheco
contaremos coa presenza de
Vítor Vaqueiro
contaremos coa presenza de
Vítor Vaqueiro
Profesor, escritor, fotógrafo e exdirector do arquivo fotográfico Pacheco
Martes, 20 de marzo, 20 a 21.30 h
Casa Galega da Cultura
Praza da Princesa n.º 2 - Vigo
Entrada libre e gratuíta
Máis de cen anos da historia de Vigo descansan nas gabetas do Arquivo Pacheco. Trátase dunha historia que comeza na década de 1870, cando un italiano que viaxaba cunha compañía dramática, Filipe Prosperi, decide instalarse en Vigo e establecer un estudio fotográfico no número 27 da rúa Sombreireiros. Xunto coa súa dona, a pontevedresa Cándida Otero, o seu obxectivo será testemuña da transformación da cidade: a vila mariñeira deixaba paso a unha cidade cosmopolita na que xentes de todas as partes se daban cita para construír o que sería o gran centro urbano e industrial de Galiza.
Entre estes acabados de chegar estaba o portugués Jaime Pacheco, que chegou coa mirada posta nun novo invento que definiría a imaxe que temos do século XX –o cinema– e que acabou asociándose coa viúva de Prosperi para instituír a que, sen dúbida, é a sinatura fotográfica de máis sona do país. Foto Pacheco resulta imprescindible para coñecermos o devir daquela cidade que iniciaba a viaxe cara á modernidade e na que se daban cita todos os símbolos da innovación: os tranvías e as sociedades corais, os primeiros automóbiles e os círculos deportivos, as asembleas galeguistas e os sindicatos anarquistas, os aviadores e os artistas de vangarda, os cafés literarios e as festas mundanas.
Chegou a barbarie fascista e Foto Pacheco seguiu exercendo de notario da cidade; coutouse o progreso da sociedade e o estudio permaneceu atento aos acontecementos; caeu a ditadura e aínda permanecían as fotos de Pacheco como recordatorios de que Vigo seguía na vangarda do desenvolvemento social e cívico da Galiza.
O seu legado pertence xa a todos o vigueses e por esa razón a todos nos toca defendelo das ameazas que se cernen sobre o seu futuro.
Quarta-feira, 28 de Dezembro de 2011
Vídeo do acto de onte
Fragmento audiovisual da conferencia sobre a historia do Reino da Galiza, onte 27 de decembro, polo historiador Anselmo López.
Terça-feira, 20 de Dezembro de 2011
Nacemento e morte do reino
![]() |
| Escudo de armas do Reino de Galicia no L'armorial Le Blancq. Bibliothèque national de France. Aprox. 1560. |
Anselmo López Carreira
historiador
Martes, 27 de decembro, 20 a 21.30 h
Casa Galega da Cultura
Praza da Princesa n.º 2 - Vigo
Entrada libre e gratuíta
Poderíamos escoitar narración sobre castelos poderosos de ameas agudas gardadas por poderosos e valentes cabaleiros sen que correspondan coas ensoñacións dun erudito; ou imaxinar catedrais cuxas columnas elevan seus teitos até os ceos, templos que se construíron de vagar, onde as pedras se foron colocando durante décadas ou séculos para chegar á súa forma definitiva mais esas catedrais, esas igrexas, eses mosteiros non saíron da mente dun afortunado escritos de best-sellers.
Hai 528 anos e 10 días executaron o Mariscal Pero Pardo de Cela, esposo da curmá da raíña Sabela de Castela (A Católica). A súa desaparición marca un fito na liquidación do Reino de Galicia, mais non foi a única: a morte de Pedro Álvarez de Osorio, conde de Lemos, a rendición do seu sucesor Rodrigo Enríquez de Castro e a desaparición do Duque de Soutomaior a acompañaron.
O Regnum Gallaeciarum, o «Reino dos galegos», non foi unha ensoñación literaria, senón que foi o máis antigos dos reinos cristiáns europeos e aliado do Imperio fronte aos bárbaros. A súa existencia, real primeiro e formal despois, prolongouse durante 1421 anos.
Quinta-feira, 15 de Dezembro de 2011
Barbarie
Camiñante: cuspe eiquí
Imos enguedellándonos, a cada, máis e máis nun mundo de barbarie. No ámbito máis “global”, pero tamén na cotián realidade máis próxima a nós. Día a día esvaramos por un escorregadía pendente que nos degrada como sociedade, e que non augura nada bo, para ninguén, sexa quen for. Tempos de caza de bruxas, de mentiras, de manipulacións, de axitar os baixos instintos, de manter ás xentes na ignorancia. De promover o odio, a discriminación. A violencia sobre quen máis desprotexido está.
En tan só tres días deron xeque e mate. Os censores. A xogada non tivo ren de maxistral: hai tempo que están as cartas marcadas e o vento a prol. É un episodio máis na triste guerra contra a razón, contra a convivencia, contra a intelixencia, contra a liberdade, contra o idioma galego. A tres bandas: o xornal supremacista Faro de Vigo, a alcatreante Unión PeYDeira, o Valedor dos propios prexuízos. Mentiron, terxiversaron, retorceron o pescozo da verdade até esganala. Día un: a liña directa da Unión PeYDeira e o Faro fabrica da nada un titular e unha nova imposíbeis, delirantes, cargados de tendenciosidade antigalega. Día dous: o Valedor de si propio esixe pouco menos que a queima pública de libros que seica cheiran ao xofre de satán. Día tres: o xornal conclúe o folletín recollendo que a administración galega, por fin, recoñece que os libros deben purificarse na fogueira redentora -algo de esperiencia teñen nese tema- e que os outros, os malos antidemocráticos atacan os campións da pureza patria. En definitiva acadaron censurar un libro aséptico, inocente, que só fotocopiou a legalidade vixente!! É para se sentiren orgullosos do deber ben feito.
Pero quizais o máis importante, o verdadeiro obxectivo desta trilateral era outro: deixar a sensación de estarmos rodeados de perigosos filonacionalistas que queren pervertir os nosos fillos, que están por todas partes, xurden das sombras e válense dos peores medios para roubar a tranquilidade dos bos cidadáns, que evidentemente son, representan e defenden eles, o tres devanditos. Conclusión que queren que interioricemos: hai que acabar con esta raza culpábel.
Mete medo ollar de que xeito irresponsábel se fomenta a irracionalidade, a incultura, o odio baseado na desinformación interesada. Rolamos cara tempos non moi afastados, onde finalmente se amasou a carne de millóns de vítimas, nunha voráxine da que case non damos saído. Os xestionadores da barbarie eran cidadáns responsábeis, bos pais de familia. Coma estes, coma calquera.
Firen a mínima sensibilidade que un poida ter. Eu dígolles: camiñante, cuspe eiquí.
Aristeides Bramble
Sábado, 1 de Outubro de 2011
Subscrever:
Mensagens (Atom)

