quarta-feira, 28 de dezembro de 2011

Vídeo do acto de onte

Fragmento audiovisual da conferencia sobre a historia do Reino da Galiza, onte 27 de decembro, polo historiador Anselmo López.

terça-feira, 20 de dezembro de 2011

Nacemento e morte do reino

Escudo de armas do Reino de Galicia no L'armorial Le Blancq. Bibliothèque national de France. Aprox. 1560.
Como aniversario da execución do mariscal Pardo de Cela, temos o pracer de presentar un percorrido pola historia do Reino galego da man de

Anselmo López Carreira
historiador

Martes, 27 de decembro, 20 a 21.30 h
Casa Galega da Cultura
Praza da Princesa n.º 2 - Vigo
Entrada libre e gratuíta


Poderíamos escoitar narración sobre castelos poderosos de ameas agudas gardadas por poderosos e valentes cabaleiros sen que correspondan coas ensoñacións dun erudito; ou imaxinar catedrais cuxas columnas elevan seus teitos até os ceos, templos que se construíron de vagar, onde as pedras se foron colocando durante décadas ou séculos para chegar á súa forma definitiva mais esas catedrais, esas igrexas, eses mosteiros non saíron da mente dun afortunado escritos de best-sellers.
Hai 528 anos e 10 días executaron o Mariscal Pero Pardo de Cela, esposo da curmá da raíña Sabela de Castela (A Católica). A súa desaparición marca un fito na liquidación do Reino de Galicia, mais non foi a única: a morte de Pedro Álvarez de Osorio, conde de Lemos, a rendición do seu sucesor Rodrigo Enríquez de Castro e a desaparición do Duque de Soutomaior a acompañaron.
O Regnum Gallaeciarum, o «Reino dos galegos», non foi unha ensoñación literaria, senón que foi o máis antigos dos reinos cristiáns europeos e aliado do Imperio fronte aos bárbaros. A súa existencia, real primeiro e formal despois, prolongouse durante 1421 anos.

quinta-feira, 15 de dezembro de 2011

Barbarie

Camiñante: cuspe eiquí

Imos enguedellándonos, a cada, máis e máis nun mundo de barbarie. No ámbito máis “global”, pero tamén na cotián realidade máis próxima a nós. Día a día esvaramos por un escorregadía pendente que nos degrada como sociedade, e que non augura nada bo, para ninguén, sexa quen for. Tempos de caza de bruxas, de mentiras, de manipulacións, de axitar os baixos instintos, de manter ás xentes na ignorancia. De promover o odio, a discriminación. A violencia sobre quen máis desprotexido está.
En tan só tres días deron xeque e mate. Os censores. A xogada non tivo ren de maxistral: hai tempo que están as cartas marcadas e o vento a prol. É un episodio máis na triste guerra contra a razón, contra a convivencia, contra a intelixencia, contra a liberdade, contra o idioma galego. A tres bandas: o xornal supremacista Faro de Vigo, a alcatreante Unión PeYDeira, o Valedor dos propios prexuízos. Mentiron, terxiversaron, retorceron o pescozo da verdade até esganala. Día un: a liña directa da Unión PeYDeira e o Faro fabrica da nada un titular e unha nova imposíbeis, delirantes, cargados de tendenciosidade antigalega. Día dous: o Valedor de si propio esixe pouco menos que a queima pública de libros que seica cheiran ao xofre de satán. Día tres: o xornal conclúe o folletín recollendo que a administración galega, por fin, recoñece que os libros deben purificarse na fogueira redentora -algo de esperiencia teñen nese tema- e que os outros, os malos antidemocráticos atacan os campións da pureza patria. En definitiva acadaron censurar un libro aséptico, inocente, que só fotocopiou a legalidade vixente!! É para se sentiren orgullosos do deber ben feito.
Pero quizais o máis importante, o verdadeiro obxectivo desta trilateral era outro: deixar a sensación de estarmos rodeados de perigosos filonacionalistas que queren pervertir os nosos fillos, que están por todas partes, xurden das sombras e válense dos peores medios para roubar a tranquilidade dos bos cidadáns, que evidentemente son, representan e defenden eles, o tres devanditos. Conclusión que queren que interioricemos: hai que acabar con esta raza culpábel.
Mete medo ollar de que xeito irresponsábel se fomenta a irracionalidade, a incultura, o odio baseado na desinformación interesada. Rolamos cara tempos non moi afastados, onde finalmente se amasou a carne de millóns de vítimas, nunha voráxine da que case non damos saído. Os xestionadores da barbarie eran cidadáns responsábeis, bos pais de familia. Coma estes, coma calquera.
Firen a mínima sensibilidade que un poida ter. Eu dígolles: camiñante, cuspe eiquí.

Aristeides Bramble

sexta-feira, 30 de setembro de 2011

SERMOS GALIZA, unha iniciativa social

Presentación da Iniciativa Sermos Galiza na Casa Galega da Cultura.

Néstor Rego profesor e presidente da Asociación Cultural O Galo.  

Margarida Romero, escritora e profesora.

Xan Colazo da Asociación Cultural O Castro



Aquí deixamos unhas imaxes do acto de onte na Cidade da Oliveira*. Foi un éxito, máis dun cento de persoas acudiron á cita con Marga Romero e  Néstor Rego que pertencen ao Grupo Promotor de Sermos Galiza. Explicaron a un público entusiasmado as claves do proxecto máis ambicioso e necesario para facermos País.

Entrade no seu blog: sermosgaliza.blogspot.com

Queremos agradecer a participación das persoas que asistiron e tamén das amigas e dos amigos que non puideron vir, mais mandaron saúdos e ánimos.

A todas e a todos

moitas grazas.

 * Proximamente contaremos porque Vigo é a Cidade da Oliveira.

quinta-feira, 22 de setembro de 2011

Presentación da Iniciativa Sermos Galiza



«O traballo é pequeno cando se reparte entre moitos».
                                                                                   Homero


Temos o pracer que anunciar a presentación da Iniciativa social galega por un medio de comunicación, na que contaremos  coa presenza de

Margarida Romero, escritora e profesora

Néstor Rego, profesor e presidente da Asociación Cultural O Galo
ambos os dous son participantes no grupo promotor e explicarannos as principais claves deste proxecto.

Xoves 29 de setembro
20.00 horas
Casa Galega da Cultura
Praza da Princesa nº2 - Vigo


Afirma un proverbio suahili, que agora facemos galego, que quen sabe falar nunca é pobre. Hoxe somos, como pobo, un pouco máis pobres que onte. Nestes últimos tempos nós fomos quedando case sen fala, de vagar, case que por descoido, como quen queda de portas para fóra por deixar o chaveiro dentro da casa. A nosa voz esvause no vento como minguaba a imaxe daquel científico tolo que experimentaba con beberaxes na procura da invisibilidade.
Nnon nos referimos con esta imaxe ao estado da saúde de cadaquén, senón á desaparición de medios de comunicación galegos. Foise a histórica cabeceira A Nosa Terra, recluída nas hemerotecas como Merlín en Brocellanda, xunto con Galicia Hoxe e finalmente a edición impresa do Xornal de Galicia. Xa se anunciou tamén o peche da súa edición dixital para finais de ano. Debemos lembrar que con anterioridade xa desapareceran Vieiros e A Peneira entre outros. Dun tempo para esta parte desapareceron case todos os medios de comunicación en galego.
Alguén podería pensar que esta afonía social se debe a un mal aire, como se fose unha gripe de outono. Tamén podería pensar, no mesmo sentido naturista, que o seu carácter é pasaxeiro e que logo dun tempo prudencial as nosas voces volverán a se escoitar, se cadra con maior vigor. Falso. Non ten nada de natural que este andazo de afonías afecte só a medios en galego. Do mesmo xeito, tampouco é natural que unha gripe afecte unicamente ás persoas que levan o pelo curto, por poñer un exemplo de arbitrariedade.
A verdade é que non podemos falar porque nos estrangulan, porque queren afogar a nosa voz debido a que as nosas palabras molestan. As rudas e as feas anoxan, as cultas e elegantes incomodan, as túzaras e as máis intelixentes estorban, as maliciosas e as ben intencionadas chinchan por igual, as críticas proen como a rabia. Mesmo as palabras máis simples e inocentes provocan incomodo. Causan unha aguda e impertinente irritación nos oídos de quen nos odia.
Estamos nunha disxuntiva. Podemos non facer nada, ou laiarnos como moito e, xogando con aquela idea, se as persoas de ben non fan nada, daquela o mal triunfará. Deste xeito e ficaremos sen voz, mudas e mudos todos, para sempre. A segunda posibilidade, en troca, consiste loitar e ceibarse do xugo que nos afoga.
No segundo caso, o camiño que debemos tomar é construírmos o noso espazo comunicativo propio, do mesmo xeito que, nas épocas de seca sen chuvias, se cava un pozo para poder ter de onde sacar auga. Chamamos pois a coller a pa e a luxar as mans co traballo. Unha xigantesca tarefa vólvese pequena se traballamos todos e todas. Somos conscientes das posibilidades que abre o proxecto que nos dispoñemos  presentar. Saudamos, pois, a Iniciativa social por un medio de comunicación «Sermos Galiza».

quarta-feira, 15 de junho de 2011

"Contra a morte" unha aproximación a Lois Pereiro

Alexandre  Insua presentando a Alex Cancelo.
Alex,  co-director do documental "Contra a morte".

Onte día 14, foi a estrea da versión estendida do documental "Contra a morte". Toda unha primicia da que puidemos gozar, poucas veces se pode dicir; que temos a exclusiva ou o privilexio de ver unha xoia audiovisual.





Subido por  el 13/04/2011
13 de Abril de 2011 10h33min (PDT) |
Un achegamento á figura poética e humana de Lois Pereiro, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas de 2011. Dirección: Alexandre Cancelo e Iago Martínez. Produtora: Ignacio Benedeti Cinema S.L. 

segunda-feira, 6 de junho de 2011




LOIS PEREIRO AO VIVO

Por que as nosas Letras non poden quedar cinguidas a un día ao ano, decidimos achegar a nosa pequena colaboración á celebración/actualización de Lois Pereiro.

Proxectaremos o documental  sobre a súa vida e a súa obra.

A seguir, afastándonos do formato de conferencia e propoñemos, como celebración, unha actividade aberta a quen dexese participar. Cremos que o mellor xeito de celebrar o seu talento é, simplemente, devolverlle á voz, ou, de se quixer, prestármoslle as nosas propias voces.

Martes 14 de xuño
de 20 a 21.30 horas
Casa Galega da Cultura – Vigo
Praza da Princesa n.º2

Entrada libre e gratuíta

quinta-feira, 7 de abril de 2011

Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria

O autor asinando libros

Marta Dacosta e Francisco Rodríguez

O público moi atento, nun momento da presentación.

Na Casa Galega da Cultura en Vigo.

sexta-feira, 1 de abril de 2011

Rosalía de Castro, unha estranxeira na súa patria

Presentación do libro


ROSALÍA DE CASTRO, UNHA ESTRANXEIRA NA SÚA PATRIA


con

Francisco Rodríguez Sánchez

XOVES 7 DE ABRIL

20.00 a 21.30 Horas

Casa Galega da Cultura  - Vigo

Praza da Princesa, n.º 2

Tan só pola extensión e calidade da súa obra merece un espazo propio no andel da literatura universal xunto a Harriet Beecher Stowe (A cabana do Tío Tom) ou Mary Shelley (Franskentein) ou Virgina Woolf (As ondas). Debemos considerar, ademais, o feito de que, de entre os movementos nacionalistas do Século XIX, ela é a única «poeta nacional». Correspóndelle por méritos propios unha cadeira á beira das grandes figuras da literatura occidental da altura; case a única muller entre eles.
Para observala, podemos optar por dous lentes posíbeis. O primeiro, con diferentes tons, móstranos unha nai, ou unha santa, ou unha matriarca, ou unha orfa, que canta e que chora, dando tombos, sen coherencia nin contradicións, como atordada, como o reflexo dunha persoa nun espello escachado. O segundo, en troca, insinúanos unha muller contraditoria e excepcional, condicionada polas súas circunstancias vitais, contra as que loitou e ás quizais acabou por vencer logo de morta.
Francisco Rodríguez optou desde hai moito tempo por este segundo lente para os seus traballos. Con bastante seguridade, podemos afirmar que estamos diante do ensaio máis completo sobre esta figura até o momento. Agardamos que este monumental volume de 700 páxinas sirva de revulsivo para afondar no coñecemento da nosa literatura porque Rosalía de Castro (1837-1885), «a primeira entre os primeiros», segue a ser unha descoñecida na súa terra.

Rodríguez Sánchez, Francisco. Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe). Asociación Socio-Pedagóxica Galega, 2011.

Vídeo da conferencia de Pilar García Negro

video
Un pequeno fragmento da conferencia de onte.

quinta-feira, 31 de março de 2011

Imaxes do acto "A construción de xénero desde Galiza"

Xulia Veiga e Pilar García Negro



A conferenciante nun momento do seu relatorio.

Casa Galega da Cultura  (Praza da Princesa, Vigo) 

quarta-feira, 23 de março de 2011

A construción do xénero desde Galiza


A cultura contigo

A CONSTRUCIÓN
DE XÉNERO
DESDE GALIZA


con

Pilar García Negro

-

Conmemoración do 8 de marzo

Día Internacional da Muller


XOVES 31 DE MARZO

20 a 21.30 horas

Casa Galega da Cultura – Vigo

Praza da Princesa


En 1865, Rosalía de Castro escribe Las literatas. Carta a Eduarda. O breve texto é unha acertada análise da situación das mulleres escritoras e móstranos a unha Rosalía que foi atacada, tamén, por ser muller.
Cómpre considerar que o seu texto adiántase en sesenta e tres anos ao ensaio que todas as feministas do mundo invocan no seu argumentario: Un cuarto de seu, de Virginia. Woolf...

Pilar García Negro naceu en Lugo, en 1953. É Licenciada en Filosofía e Letras, Doutora en Filoloxía Románica e profesora da Universidade da Coruña. É autora de numerosos ensaios, estudos e artigos sobre sociolingüística e literatura e literatura galega. Entre as súas obras, pódese citar: 33 aproximacións á literatura e á lingua galega (en colaboración con Xosé María Dobarro), O galego e as leis. Aproximación sociolingüística, O ensino da língua. Por un cámbio de rumo (en colaboración con Xoán Costas Casas), Sempre en galego, Direitos lingüísticos e control político, Arredor de Castelao, a edición de Rosalía de Castro de A.G. Besada ou a edición crítica da Poesía Galega de Lamas Carvajal, Da fala a lingua: un proceso incacabado e O racismo lingüístico. A súa última publicación, O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo (2010),  obtivo o XV Premio de Ensaio en Ciencias Sociais Vicente Risco.
Preside a Federación de Asociacións Culturais Galegas Galiza Cultura, da que a AC O Castro forma parte, colabora coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega, e entidades internacionais: foi delegada na Galiza (1985-1990) do Bureau européen pour les langues moins répandues e é membro do Comité Científico da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos. Foi deputada polo BNG no Parlamento de Galiza entre 1989 e 2003.
Na actualidade é a Directora-Xerente da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas.

quarta-feira, 2 de março de 2011

terça-feira, 22 de fevereiro de 2011

Vigo en verso

A cultura contigo

VIGO

EN VERSO

A cidade como factoría poética

presenta

Marta Dacosta

con

Ledicia Costas, Cruz Martínez e María Lado

e


actuación musical de 

Maica Álvarez

* * *

MARTES 1 DE MARZO

20 a 21.30 horas

Casa Galega da Cultura – Vigo

Praza da Princesa

* * *

En Vigo imprimiuse o primeiro libro escrito integramente no noso idioma. Nos seus cafés conversaban Manuel Antonio, Victoriano Taibo, Álvarez Blázquez, Cunqueiro. Nos anos oitenta acolleu un grupo destacado de poetas que tomaban o relevo de Méndez Ferrín e Celso Emilio Ferreiro, e contra o final da década os que integrarían a promoción dos noventa asomaban timidamente desde A cidade espida.

2011. Da man delas, Cruz Martínez, Ledicia Costas, María Lado, saibamos se hoxe, máis de setecentos anos despois, o mar de Vigo arrola novos cantares e de que nos falan. Elas son tres mulleres activistas da poesía, dispostas a dicir os seus versos con calquera motivo, mesmo a fabricar os motivos para dicir os versos, ou sexa, promover actos poéticos dos máis variados formatos.




quarta-feira, 9 de fevereiro de 2011

Imaxes da III Xeiras sobre a Lingua Galega na Universidade de Vigo ( 9, 10 e 11 de febreiro)

Na mesa: Cruz Martínez representando á Asociación Cultural "O Castro",
 Xabier Pérez por Federación de Asociacións Veciñais  "Eduardo Chao" e presentadora do acto Rocío.

quarta-feira, 26 de janeiro de 2011

domingo, 16 de janeiro de 2011

Conmemoración do 125 aniversario
do nacemento de Castelao

CASTELAO A GALIZA
DO FUTURO
con
Francisco Rodríguez


MARTES 25 DE XANEIRO
20 a 21.30 horas
Casa Galega da Cultura - Vigo
Praza da Constitución


sábado, 15 de janeiro de 2011

Buscando as diferenzas

Propoñemos un xogo.
A este texto, de Castelao, metímoslle seis cambios...

«Hai moitos anos chegou a Badaxoz un empregado público Procedía das terras verdes de Galiza, pero gostaba máis terras resecas do Sur. E como non puido ir á Andalucía contentouse con Extremadura. Era sentimental en namoradizo e non tardou en prenderse dunhas reixas de ferro, endoudecido de amor por uns ollos funerarios, de tan tristes e mouros. Axiña se lle abriron as portas da casa e logrou sentar na camilla, a rente da noiva. E despois de queimara, no braseiro, unha zapatos de charol, decidiu casar e casou. Agora é un xubilado, que le o ABC e paseia o seu aburrimento mortal pola ponte do Guadiana, coas pernas arrastro e cun caravel na chaqueta.
Presentáronmo, porque disque é galego, e hoxe tentoume o demo paseiar con el. Que de parvadas tiven que escoitarlle! Faloume das corridas de touros, da lotería nacional, dos grandes políticos galegos e do noxo que lle inspira o catalanismo. Díxome que non saba como hai quen viva na nosa Terra con tanto chover e chover. Díxome que o atraso dos nosos labregos débese a que non falan en español...
Eu sabía de moitos que libraron de quintas por seis mil pesetas e podían librar por parvos, como sei de moitos que chegan a ser xubilados pola idade e que padecían de incapacidade conxénita cando se lle regalou a credencial. Sabía que os imbéciles máis fenomenais que pariu a nosa terra andan ben vestidos, e que moitas veces chegan a Excelentísimos Señores polo rigorosa orde de antigüídade. Cheguei a saber que algúns parvos de nacenza badúan enfonchados en cadeiras de Universidade. Eu sabía todo isto; pero sempre logrei fuxir de semellantes entroidos. E hoxe -quen o diría!- caín dan Badaxoz.
Os personaxes parvos son idénticos no falar. Posúen a memoria dos papagaios, ou dos gramófonos, e a intelixencia dos monos. Levan a alma uniformada con adobíos baratos. Viven espiritualmente “de gorra”. Débenlle as ideias a calquera libro de texto e débenlle o señorío a calquera xastre. Gostan do “Casino”, das “terrazas de café”, dos “locais de moda”. Militan en partidos “de dereita” e soñan coa volta do pasado. Estarían mellor en Madrid que no mesmo Ceo. Son monecos parlantes de fabricación nacional. Están feitos en serie, por Real Decreto publicado no BOE.
Estes personaxes obedecen á súa condición de parvos,e odian o galeguismo, sen teren capacidade para comprendelo. Adoran o Estado unitario e centralista, ou sexa, a “sagrada unidade da patria” (verbas máxicas, capaces de faceren parvear a calquera, incluso a un intelectual). Cren que as autonomías rompen a unidade da súa patria, que é unha boliña que lle na cabeza, cando eran nenos. Cren eu os monárquicos son máis españois que os republicanos. En resumo: cren todo canto crían os seus defuntos fabricantes.
A mentalidade dos señoritos parvos concorda coa mentalidade das señoritas cursis. Ambos os dous disimulan o acento nativo e fían o seu señorío na standarización dos modos e maneiras. Ambos os dous afincan o seu orgullo no traxe que levan posto. Viven en mundos tan arredados do noso que non debemos concederlles a categoría de adversarios.
Irmáns: fuxide sempre dos parvos. Non vos arrimedes a eles, porque poden roubarvos algo da vosa razón e transmitirvos a súa parvada. Deixádeos andar, falar, danzar e medrar no seu mundo. Es se algún parvo chega a ser autoridade non mostredes asombro, porque son cousas do sistemas que combatemos e dos tempos en que nos cadrou vivir.»
Castelao, no «Adro» de Sempre en Galiza. Badaxoz - 1935
Cales son?
Cambian realmente o seu significado?