Presenta
Marta Dacosta
Escritora e directiva da AC O Castro
Manuel Bragado
Director de Edicións Xerais
e
Bautista Álvarez
Autor
Venres 14 de febreiro
20.30 horas
Café De Catro a Catro
r/ Girona n.º 3 - As Travesas
VIGO
Bautista Álvarez, membro da xeración Brais Pinto e veterano político
nacionalista, recolle neste seu primeiro libro de narrativa, que confesa
“anda cerca das memorias”, un monllo de relatos ambientados nos anos da
súa infancia nas terras natais de Las, Eiras e Loucía, no concello
ourensán de San Amaro. Acontecementos relevantes daquela comunidade
aldeá dos anos trinta e corenta recuperados do esquecemento con memoria fotográfica
e relatados con pulsión inequivocamente literaria, non exenta de
retranca, intriga e doses de tenrura. O cadáver dun mozo acoitelado,
atopado na Telleira, xusto no lindeiro que separa a parroquia de Eiras
da de Las, do que nunca se soubo a súa identidade. A procesión do santo
Antonio de Las que tras os primeiros foguetes rematou en delirio colectivo e con san Roque
feito un espantallo. Os amores do cabalo Mourego e a mula do Hixinio,
que chegaron a compartir a morte. As lembranzas da escola de Andrade, de
mestres de Falange como don Gabino, na que a mellor disciplina era o
recreo e na que todos os días antes de saír pola tarde os alumnos tiñan
que cantar o Cara al sol e o Oriamendi. A historia de Severo, o
frustrado estudante de medicina
polo que degoiraban as mulleres. Ou aqueloutra tan noxenta de Gaudesio,
o carniceiro de Figueroa, o vingador de roxos, responsable de tantas
mortes e outras atrocidades… Escritos con vontade literaria, utilizando
unha lingua de raíz popular, estes retratos e relatos populares de
Bautista Álvarez emparentan con páxinas de Ánxel Fole, Castelao e outros
autores da tradición do mellor relato galego do século XX (presentación editorial de Edicións Xerais).
Sem comentários:
Enviar um comentário